Páginas

miércoles, 27 de julio de 2011

Pena Trevinca: O teito galego.

Pena Trevinca é algo máis que unha montaña, é o punto máis alto do país, o teito desde o que mirar para abaixo con satisfacción e pensar
ninguén nos pode mirar por enriba do hombro agora mesmo!!
pero antes de poder chegar a isto hai moito que contar. Vaiamos ao comezo:


Palas de Rei, 05.00.

A noite foi curta en Palas. Os camións pasaron pola estrada sen cesar toda a noite, e a temperatura non acompañaba ao descanso profundo que requería a ascensión. O prezo foi esta sensación de "que narices estou facendo! espertar ás 5!" que coñecemos tan ben. Non é a primeira vez, pero antes dunha ascensión sempre che veñen as mesmas ideas á cabeza: a expectación ante o descoñecido, as gañas, as dúbidas, o ¿medo? Non, non é medo, pero si é respeto, moito respeto ao monte.
A ducha axudou a despexar o sono, e o almorzo, frugal, calmou a nosa fame. Eran as 06.10, hora de saír.


Vilamartín de Valdeorras, 07.45.

Chegamos. A viaxe foi longa, a pesar se non ter tráfico ningún, mais as paradas (por auga, por un control de alcoholemia en potencia) non facilitaron o camiño. En Vilamartín, súbese á expedición o noso guía, Julio, saúdamos a Ana e collemos as empanadas para o camiño. Aínda quedaba un bo cacho de coche até a base da ascensión, a aldea da Ponte, no concello da Veiga. Alá fumos.


A Ponte, 09.00.

Chegamos á Ponte e preguntamos o camiño a un veciño. Foi só o comezo dos nosos problemas coas marcas nunha ruta na que as balizas escaseaban e en moitos casos estaban caídas. Comezamos a aproximación por unha variante do camiño principal, o que nos permitiu disfrutar de vistas do val, vendo como a aldea quedaba cada vez máis pequena.



As herbas estaban cheas de poalla, e aos 500 metros xa estabamos coma pitos até o xeonllo. Seguimos cara arriba nunha subida que cada vez picaba máis até chegar á altura dos primeiros refuxios e voltarmos ao camiño orixinal. O gando (libre) ía dun prado a outro evitándonos. Xa no camiño miramos arriba: os cumios estaban cubertos por un espeso neboeiro, do que dubidábamos se chegaría a disiparse.



Levabamos uns 450 metros de desnivel en 3.3 km cando tivemos o noso primeiro problema cunha baliza. Nun cruce de camiños a baliza estaba caída entre unhas uces, e entre un camiño que picaba arriba abruptamente e outro que continuaba cunha lixeira suba en falso llano, e nós collemos este último, erradamente. Case 1.1 km de rodeo, que, porén, permitíronnos ter o noso primeiro contacto co val do Xares, que despois coñeceriamos mellor:



Despois de ver que ese camiño non tiña saída tomamos a outra alternativa para atopar a baliza caída. Comezamos a ascensión ao pico do Fial, ascensión moi dura, máis que pola pendiente polas condicións do ambiente: frio, ventisca, e nós mollados de arriba a abaixo. Subimos outros 250 metros en 1.2km, alcanzando a cota 1820 e o cumio do Fial, polo que cresteamos durante uns 700 metros máis. Eran as 11.20, levabamos ás nosas costas 6.3 km, e a ventisca xiaba as mans cada vez que tentabamos sacar unha foto. Entón foi cando a vimos.





A Lagoa da Serpe. Un dos mellores exemplos de lagoa glacial de toda a península. Conta a historia que na lagoa vivía unha princesa que estaba encantada en forma de serpe durante o día, só amosando a súa apariencia humana durante a noite. Levaríaa quen fose capaz de cuspirlle dentro da boca á serpe. Un home da Ponte, a aldea da que saímos, tería ido a vela e esperar que se transformase en serpe, para cuspirlle na boca e romper o maleficio. A lagoa chamábanos e non podiamos esperar. Baixamos o desnivel de 150 metros desde o Fial en 20 minutiños, e alí estabamos, na Lagoa.




Lagoa da Serpe, 11.45.



A lagoa era preciosa, pequena, pouco fonda, rodeada de morrenas glaciares e cunha sorpresa para nós: A auga está morna! Alí tivemos contacto con máis animais, uns pitiños que esperaban pola súa nai, que marchara ao vernos esperando que non visemos o niño. O día comezaba a clarexar, por fin e decidimos facer a primeira parada para comer resgardados tras dunhas rochas do vento do norte. Aínda quedaba moito camiño, había que repoñer forzas.





Saímos da Lagoa con destino á base de Pena Trevinca, vendo ao sur unhas casas que xa debían ser da provincia de Zamora. Iamos subindo e baixando pequenas ondulacións entre uces, xestas e carqueixas; xa sen ningún tipo de indicación. O camiño levaríanos ao nacemento do rio Bibei, un pequeno manantial no fondo dun val con orientación Norte-Sur que se dirixía a Porto de Sanabria. Levábamos 8.8 km, un desnivel acumulado de máis de 850 metros e unhas ganas de chegar arriba inmensas.





Subimos outra ondulación, coas pernas cada vez máis cansas de tanta suba, aínda que a humidade cada vez era menor, o que facía que as subas tirasen menos do peito. Non había camiño, e entón vimos ao sur unha baliza. Seguimos subindo, e, ao chegar arriba, vímolo: o val do nacemento do Xarés, aberto, enorme, impoñente. E arriba, o noso obxectivo.





Eran as 13.05, botámonos a andar val arriba, nun falso llano continuo por un camiño mal balizado que serpenteaba seguindo o curso do río, que baixaba formando pequenos saltos de grande beleza. Aos lados podiamos ver vacas e mesmo algún touro, inmenso. Paramos comer, ás 14.00, en fronte a uns cabalos salvaxes que pastaban no alto. Arriba, no ceo, águias e mesmo algún voitre surcaban os ventos.







Trala comida durmimos unha soneca que serviu para sacarnos un pouco de morriña, a néboa despexara definitivamente, e o sol xa brillaba sen piedade. Tiñamos que poñernos en marcha. Eran as 15.05 cando chegamos a unha das primeiras pozas do Xares, na cota 1970, onde deixaba a súa orientación leste-oeste xirando a outra sur-norte. Alí separámonos do río e comezamos a subir. Levábamos 11.8 km percorridos e un desnivel acumulado de 1100 metros. Quedábannos 150 metros de desnivel en 700 metros de camiño até a cima. Un reto.







Podes ver o noso camiño de suba aquí:



Ver Ascensión a PenaTrevinca nun mapa máis grande


Cumio de Pena Trevinca, 15.25.


Levabamos máis de seis horas camiñadas e alí estabamos, no cumio. A sensación de cada quen sería diferente, mais todos compartiamos a sensación de satisfacción e alegría tras escalar o cumio. Alí arriba, despois de saúdar a catro rapaces que viñeran cresteando desde un albergue da vertente leste, fixemos as fotos de rigor, as panorámicas, e escribimos o noso nome na libretiña do cumio. Chegaramos, e estabamos disfrutando.







Ante nós tiñamos o val glaciar do río Tera, un dos mellores exemplos de val glaciar de toda a península. Nestas fotos podedes ver perfectamente o perfil en U dos vales glaciares, dunha forma clarísima. Demos a volta e vimos que os rapaces que viramos antes ían cara Pena Negra. Alí estaba esperándonos. Aínda era bastante cedo. "Por que non?", pensamos. E alá fumos.







En 20 minutiños alí estabamos. Un kilometro de ruta cresteando que podedes ver aquí abaixo. En Pena Negra os cortados eran espectaculares, cunha vista desde arriba dos profundos vales, entre eles o do Teixadal de Casaio. As vistas eran espectaculares. Eran as 16.45, había que baixar.



Ver De Pena Trevinca a Pena Negra nun mapa máis grande












Comezo da Baixada, 16:45.

A baixada ía ser exixente. Nun primeiro momento baixamos polo val formado polo nacemento do Xares, polo que subiramos, chegando a ver as primeiras augas do Xares, incluso. Ao chegar ao fondo do val (cota 1780, máis de 300 metros por baixo dos cumios) unha dúbida, volvemos polos nosos pasos ou seguimos a ruta do río? Decidimos seguir a ruta do río. Íamos pola banda esquerda do río e tentamos baixar. Ante nós, un precipicio de varias decenas de metros polo que se precipitaba o río formando unha cascada. Subimos pegados ao río e cruzámolo no primeiro lugar no que puidemos. Comezamos a baixar seguindo e buscando os fitos.




O camiño picaba cada vez máis para abaixo, cunha pendiente cada vez maior. Por momentos baixabamos colléndonos ás xestas por se esvarábamos. A pendiente era exaxeradamente alta, os xeonllos sufrían baixo o peso dos nosos corpos, o cansancio acumulado era cada vez maior e as escombreiras, aos lados, cada vez máis impresionantes. Xa non sacabamos a cámara para sacar fotos mais que nos pequenos descansos mentres Julio buscaba os fitos, cada vez máis esparexidos e ocultos. En algo máis dunha hora andamos pouco máis dun kilómetro, baixando case 200 metros de desnivel. Chegamos á primeira campa que atopamos e volvimos cruzar o río para volver á súa marxe esquerda. Estábamos no primeiro terreo chan en máis dunha hora. Porén, aínda quedaba moito.






Seguimos andando. Os fitos, antes escasos, agora eran inexistentes. Guiabamonos polo río e pola orientación de Julio, indo entre xestas de campa en campa. Facíase tarde e dubidabamos se dariamos atopado o camiño antes de que se fixese noite: Este val facíase eterno. Pasamos das campas ás carballeiras. A nosa orientación era seguir o curso do río, buscar camiños vellos e ir costa abaixo. Por momentos as xestas eran tan altas e mestas que non viamos ao noso compañeiro de díante e tiñámonos que guiar polo método "Marco...Polo". Ao saír das carballeiras chegamos a outra campa e ao lonxe Iago viu unhas colmeas, non abandonadas. O camiño tiña que estar preto. E aló estaba, detrás dunha pequeno outeiro pasaba o camiño, empedrado. Decidimos parar a repoñer forzas, e descubrimos que tiñamos un compañeiro moi simpático.




Quedábanos unha volta tranquila, lenta e que se nos fixo longa, por camiños chans pegados ao rio, cada vez máis preto da Ponte. Pasamos uns refuxios e aló estaban, marcas con pintura marcando sendeiro de pequeno percorrido...e postas para seguir costa arriba! Xa nos parecía durísimo este percorrido costa abaixo como para facelo costa arriba. Cruzamos unha ponte vellísima e deixamos o río a man esquerda. O coche cada vez estaba máis preto, mais para nós estes minutos facíanse eternos. Podedes ver o camiño que seguimos para voltar aquí:


Ver Descenso de Pena Trevinca nun mapa máis grande






Final da Ruta, 21.05.

Chegamos. 12 horas e 5 minutos, 23,570 kilómetros, máis de 1300 metros de desnivel acumulado, unha baixada con pendentes imposibles entre cortados. Xeonllos doloridos, pés mollados e entumecidos, rabuñaduras, morados, queimaduras do sol. A Lagoa da Serpe, Pena Trevinca, o Val do Tera, Pena Negra, o Val do Xares, os cortados, as aguias, os voitres, as vacas e o touro, os cabalos, as cascadas, as morrenas... pasaramos por todo, a sensación era de alegría, cansancio, satisfacción... as nosas mentes aínda estaban tentando asimilalo, e cremos que neste post facemos un bo exercicio de memoria para o futuro. Pena Trevinca, o teito galego, o punto no que ninguén nos pode mirar por riba do ombreiro. Iso... e moito máis.








Agradecémoslle a Julio que nos guiase a través de Trevinca. Agardamos que disfrutase tanto coma nós.

viernes, 23 de abril de 2010

Tres de catro

Ruta "Palas-Arzúa" do 17 de abril do 2010

miércoles, 21 de abril de 2010

Proximamente...

Proximamente... Pés nas Pozas